Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 5

O rescate, o maior regalo de Deus

O rescate, o maior regalo de Deus
  • Que é o rescate?

  • Como o proveu Xehová?

  • Que pode significar para ti?

  • Como podes demostrar que o agradeces?

1, 2. a) Que valoras máis dun regalo? b) Por que dirías que o rescate é o regalo máis valioso que puideses recibir?

CAL foi o regalo máis importante que recibiches? Un regalo non ten que ser moi caro para que sexa importante para ti. Despois de todo, o verdadeiro valor dun regalo non se mide necesariamente polo que lle custou a quen cho deu. Pola contra, o regalo que máis apreciamos é o que nos fai felices, ou satisfai algunha necesidade que poidamos ter.

2 Entre os agasallos que che puidesen dar, hai un que supera por moito os demais. É un dos regalos que Deus lle fixo á humanidade. Aínda que Xehová nos deu moitas cousas, o maior regalo que nos fixo foi o rescate do seu Fillo, Xesucristo (le Mateo 20:28). Como imos ver ó longo deste capítulo, o rescate é o regalo máis valioso que puideses recibir; pero non polo seu valor económico, senón porque pode facerte inmensamente feliz e satisfacer a túas necesidades máis importantes. De feito, o rescate é a maior expresión do amor que Xehová sente por ti.

QUE É O RESCATE?

3. Que é o rescate, e que necesitamos entender para valoralo?

3 En poucas palabras, o rescate é o medio que Xehová utiliza para liberar, ou salvar, á humanidade das enfermidades e da morte (Efesios 1:7). Consideremos de novo o que aconteceu no xardín de Edén, e así comprenderemos o significado desta ensinanza bíblica. Só poderemos ver o importante e valioso que é para nós este regalo se entendemos o que Adam perdeu cando pecou.

4. Que significou para Adam ter unha vida humana perfecta?

4 Cando Xehová creou a Adam, deulle algo moi valioso: unha vida humana perfecta. Pensa no que isto significaba para Adam. Tiña un corpo e unha mente perfectos, así que nunca ía enfermar, facerse vello nin morrer. Ademais, como humano perfecto, tiña unha relación especial con Xehová. De feito, na Biblia chámaselle fillo de Deus (Lucas 3:38). Así que Adam desfrutaba dunha relación íntima con Xehová, como a que pode ter un fillo cun pai cariñoso. Xehová comunicábase con Adam para asignarlle traballos que o farían feliz, e tamén para que soubese o que esperaba del (Xénese 1:28-30; 2:16, 17).

5. Que quere dicir a Biblia cando afirma que Adam foi feito á imaxe de Deus?

5 Deus fixo a Adam “á súa imaxe” (Xénese 1:27). Iso non quere dicir que tivesen unha aparencia similar, xa que, como aprendemos no capítulo 1 deste libro, Xehová é un espírito invisible (Xoán 4:24). Xehová non ten un corpo de carne e óso. Así que cando se di que Adam foi feito “á súa imaxe”, quere dicir que o creou con calidades como as de Deus, como o amor, a sabedoría, a xustiza e o poder. Ademais, asemellábase a Seu Pai noutro aspecto importante: tiña libre albedrío. Polo tanto, non era como unha máquina programada para facer determinadas tarefas. Ó contrario, Adam podía tomar as súas propias decisións e elixir entre o ben e o mal. Se obedecía a Deus, viviría para sempre no Paraíso na Terra.

6. Que perdeu Adam cando pecou, e como lle afectou iso á súa descendencia?

6 Desobecer a Deus saíulle ben caro a Adam: foi condenado a morte. Ó pecar perdeu a súa vida humana perfecta e tódolos seus beneficios (Xénese 3:17-19). Pero aínda peor, non só perdeu a súa preciosa vida, senón tamén a da súa futura descendencia. A Palabra de Deus di: “O pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado” (Romanos 5:12). Así é, todos herdamos o pecado de Adam. Por iso, a Biblia di que se vendeu a si mesmo e á súa descendencia como escravos ó pecado e á morte (Romanos 7:14). Como Adam e Eva elixiron voluntariamente desobedecer a Deus, non hai ningunha esperanza para eles. Pero, que ocorrería coa súa descendencia, entre os cales estamos nós?

7, 8. Principalmente, que dous significados pode ter a palabra rescate?

7 Xehová decidiu liberar á humanidade por medio do rescate. Pero, que é un rescate? A palabra rescate pode ter, basicamente, dous significados. En primeiro lugar, o importe que se paga para rescatar a alguén ou recuperar algo, igual que sucede cando se paga o prezo do rescate nun secuestro. En segundo lugar, o prezo co que se cobre o custo de algo, como o que se paga para cubrir os danos sufridos por alguén. Por exemplo, se unha persoa provocase un accidente, tería que pagar o prezo daquilo que se estragase.

8 Como vimos, Adam vendeunos como escravos á enfermidade e á morte. Como se podería cubrir este enorme dano? Analicemos o rescate que Xehová proveu e o que pode significar para ti.

COMO PROVEU XEHOVÁ O RESCATE?

9. Que tipo de rescate se necesitaba?

9 O que se perdeu foi unha vida humana perfecta e, por iso, ningunha vida humana imperfecta podería recuperala xamais (Salmo 49:7, 8). Precisábase un rescate que tivese o mesmo valor que o que se perdera. Esta idea está de acordo co principio de xustiza perfecta que atopamos na Biblia: “Vida por vida” (Deuteronomio 19:21). Entón, que cubriría o valor da vida humana perfecta que Adam perdera? Necesitábase como rescate outra vida humana perfecta (1Timoteo 2:6).

10. Que fixo Xehová para prover o rescate?

10 Que fixo Xehová para prover o rescate? Enviou á Terra a un dos seus fillos espirituais perfectos. Pero Xehová non elixiu a calquera. Enviou o seu fillo máis querido, o Seu Fillo unixénito (le 1Xoán 4:9, 10). De moi boa gana, o Fillo deixou o seu fogar no ceo (Filipenses 2:7). E, como xa analizamos no capítulo anterior, de xeito milagroso Xehová transferiu a vida do seu Fillo á matriz de María. Por medio do espírito santo de Deus, Xesús naceu como humano perfecto libre da condena do pecado (Lucas 1:35).

Xehová deu o seu Fillo unixénito como rescate por nós

11. Como podería un home servir como rescate por millóns de persoas?

11 Como podería unha soa vida servir como rescate por millóns de humanos? Antes de nada, vexamos como chegaron todos eles a ser pecadores. Recorda que ó pecar, Adam perdeu unha vida humana perfecta. Ó perdela, a súa descendencia non puido herdala, senón que recibiu o pecado e a morte. Xesús, ó que a Biblia chama “o último Adam”, tivo unha vida humana perfecta, e nunca pecou (1Corintios 15:45). Podería dicirse que Xesús ocupou o lugar de Adam para salvarnos. Xesús obedeceu á perfección ó seu Pai e, cando sacrificou a súa vida perfecta, pagou o prezo correspondente ó pecado de Adam. Xesús deulle así unha esperanza á descendencia de Adam (Romanos 5:19; 1Corintios 15:21, 22).

12. Que demostrou Xesús ó aguantar todo o que sufriu?

12 A Biblia describe en detalle o sufrimento que padeceu Xesús antes de morrer. Déronlle zorregadas, cravárono nun madeiro, e deixaron que tivese unha morte agónica (Xoán 19:1, 16-18, 30; ver apéndice titulado “Deberían usar a cruz os cristiáns?”). Era necesario que sufrise tanto? Nun capítulo posterior, veremos que Satán afirmou que ningún servo de Xehová se mantería fiel baixo as probas. Pero cando Xesús se mantivo fiel a pesar de padecer un gran sufrimento, deu a mellor resposta posible ó desafío de Satán. Xesús demostrou que un home perfecto e con libre albedrío pode manterse fiel a Deus sen importar o que faga o Demo. Canto tivo que alegrarse Xehová cando viu a lealdade do seu Fillo! (Proverbios 27:11).

13. Como se pagou o rescate?

13 Como se pagou o rescate? O día 14 do mes xudeu de nisán do ano 33 n. e., Deus permitiu que o Seu Fillo perfecto e sen pecado fose executado. Deste xeito, Xesús sacrificou a súa vida humana perfecta unha vez para sempre (Hebreos 10:10). Tres días despois da súa morte, Xehová resucitouno como ser espiritual. Nos ceos, Xesús presentoulle a Deus o valor da súa vida humana perfecta, sacrificada como rescate a favor da descendencia de Adam (Hebreos 9:24). Xehová aceptou o valor deste sacrificio como rescate para liberar a humanidade da escravitude ó pecado e á morte (le Romanos 3:23, 24).

QUE PODE SIGNIFICAR PARA TI O RESCATE?

14, 15. Que temos que facer para recibir o perdón dos nosos pecados?

14 Por medio do rescate, podemos desfrutar de incontables bendicións a pesar de ser pecadores. Analicemos algúns dos beneficios, presentes e futuros, que obteremos grazas a este marabilloso regalo de Deus.

15 O perdón dos pecados. Xa que herdamos a imperfección, temos que esforzarnos moito por facer sempre o que está ben. Todos pecamos, sexa con palabras ou en feitos. Pero, por medio do sacrificio de rescate de Xesús, podemos recibir “o perdón dos pecados” (Colosenses 1:13, 14). Non obstante, para obter este perdón temos que arrepentirnos de verdade. Tamén debemos acudir humildemente a Xehová rogándolle o Seu perdón, en base á nosa fe no rescate do seu Fillo (le 1Xoán 1:8, 9).

16. Que permite que adoremos a Deus cunha conciencia limpa, e como nos beneficia ter este tipo de conciencia?

16 Unha conciencia limpa ante Deus. Unha conciencia culpable pode facer que nos sintamos desesperados e que pensemos que non valemos nada. Mediante o perdón que podemos obter grazas ó rescate, Xehová ten a bondade de permitir que o adoremos cunha conciencia limpa a pesar da nosa imperfección (Hebreos 9:13, 14). Por iso, temos a posibilidade de falar con liberdade con Xehová. Polo tanto, mediante a oración podemos achegarnos a el cando o necesitemos (Hebreos 4:14-16). Manter unha conciencia limpa dános paz mental, fomenta a estima propia, e contribúe a que sexamos felices.

17. Que bendicións serán posibles grazas a que Xesús morreu por nós?

17 A esperanza de vivir para sempre nun paraíso na Terra. “O xornal do pecado é a morte”, di Romanos 6:23. O versículo continúa así: “Pero o regalo de Deus é a vida eterna en Cristo Xesús noso Señor”. No capítulo 3 deste libro, xa falamos das bendicións do vindeiro Paraíso na Terra (Apocalipse 21:3, 4). Grazas a que Xesús morreu por nós, todas estas bendicións serán posibles, incluso a de vivir para sempre con saúde perfecta. Para poder desfrutar delas temos que demostrar que apreciamos o regalo do rescate.

COMO PODES DEMOSTRAR QUE AGRADECES O RESCATE?

18. Por que deberiamos agradecer a Xehová o regalo do rescate?

18 Por que deberiamos estar profundamente agradecidos a Xehová polo rescate? Pensa nisto: un regalo é valioso cando require tempo, esforzo ou implica un gasto á persoa que nolo dá. Conmovémonos cando nos damos conta de que o regalo é unha expresión do amor que nos ten. Pois ben, o rescate é o regalo máis valioso de todos porque Deus fixo o maior dos sacrificios cando o proporcionou. A Biblia di en Xoán 3:16: “De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito”. O rescate é a maior mostra de amor de Xehová por nós. Pero tamén proba canto nos quere Xesús, xa que deu de boa gana a súa vida por nós (le Xoán 15:13). O regalo do rescate non debería deixarnos ningunha dúbida de que tanto Xehová coma Xesús nos aman a cada un de nós (Gálatas 2:20).

Chegar a coñecer a Xehová é un xeito de demostrar que agradecemos o rescate

19, 20. Como podes demostrar que valoras o regalo divino do rescate?

19 Entón, como podes demostrar que aprecias o rescate? Para empezar, chegando a coñecer a quen nolo deu, Xehová (Xoán 17:3). Estudar a Biblia coa axuda desta publicación vaiche axudar a conseguilo. Verás como, segundo vaias coñecendo a Xehová, o teu amor por El irá medrando. Ó mesmo tempo, este amor fará que desexes agradarlle (1Xoán 5:3).

20 Ter fe no sacrificio de rescate de Xesús. En relación a Xesús, a Biblia di: “Quen cre no Fillo, ten vida eterna” (Xoán 3:36). Como podemos ter fe en Xesús? Non podemos demostrar semellante fe só con palabras. “A fe sen feitos morta está”, di Santiago 2:26. Así é, a fe verdadeira demóstrase con feitos. Unha maneira en que podemos mostrar que temos fe en Xesús é imitándoo o mellor que poidamos, non só co que dicimos, senón tamén co que facemos (Xoán 13:15).

21, 22. a) Por que deberiamos asistir tódolos anos á celebración da Cea do Señor? b) Que veremos nos capítulos 6 e 7?

21 Asiste á celebración anual da Cea do Señor. Na noite do 14 de nisán do ano 33 n. e., Xesús estableceu unha celebración especial que a Biblia chama “a Cea do Señor” (1Corintios 11:20; Mateo 26:26-28). A esta celebración tamén se lle coñece como Conmemoración da morte de Cristo. Xesús instituíuna para axudar ós seus discípulos e a tódolos cristiáns verdadeiros a ter presente que, ó morrer, sacrificou a súa vida humana perfecta como rescate. A propósito desta celebración, Xesús mandou o seguinte: “Facede isto en memoria de min” (Lucas 22:19). Celebrar a Conmemoración permítenos recordar o gran amor que nos mostraron tanto Xesús coma Xehová ó rescatarnos do pecado e da morte. Podemos demostrar o noso agradecemento asistindo cada ano á Conmemoración da morte de Xesús. *

22 Este rescate que Xehová fixo posible ten un valor incalculable (2Corintios 9:14, 15). Ata os que se durmiron na morte poden beneficiarse deste inmenso regalo. Nos capítulos 6 e 7 veremos como isto é posible.

^ par.21 Se desexas máis información sobre a Cea do Señor, podes consultar o apéndice titulado “A Cea do Señor: unha celebración que honra a Deus”.