Ir ó contido

Ir ó índice

En busca da verdade

En busca da verdade

Saber a verdade pode marcar a diferenza entre a vida e a morte. Por exemplo, pensa no efecto que ten na nosa vida saber a resposta á seguinte pregunta: como se propagan as enfermidades infecciosas?

Durante miles de anos ninguén soubo esta resposta, e millóns de persoas morreron debido a pestes e epidemias. Co tempo, os científicos descubriron a verdade. Déronse conta de que a miúdo as enfermidades están causadas por xermes ou microorganismos, como as bacterias e os virus. Coñecer esta verdade axudou a evitar e tratar moitas enfermidades. E isto fixo que millóns de persoas puidesen ter mellor saúde e vivir máis tempo.

Ocorrerá algo parecido con outras cuestións importantes? Por exemplo, que efecto cres que podería ter na túa vida coñecer a verdade sobre as seguintes preguntas?

  • Quen é Deus?

  • Quen é Xesucristo?

  • Que é o Reino de Deus?

  • Que futuro nos espera?

Millóns de persoas xa encontraron a resposta a estas preguntas, e grazas a iso a súa vida mellorou moito. Ese tamén pode ser o teu caso.

PÓDESE ENCONTRAR A VERDADE?

Quizais te preguntes: “Como é posible descubrir cal é a verdade sobre algo?”. Ó fin e ó cabo, cada día parece máis difícil distinguir a verdade da mentira. Por que?

Moitas persoas desconfían do que din os gobernos, as empresas e os medios de comunicación. Non lles resulta fácil saber se o que outros lles están dicindo é verdadeiro ou simplemente é unha opinión persoal, unha media verdade ou incluso unha mentira descarada. Neste ambiente de enganos e desinformación, a xente non só desconfía de como interpretar os feitos, senón tamén de cales son os feitos reais.

A pesar destes desafíos, é posible encontrar respostas verídicas e confiables ás preguntas máis importantes da vida. Como? Usando os mesmos métodos que utilizas para buscar as respostas a outras preguntas menos importantes.

COMO ENCONTRAR A VERDADE?

O certo é que buscamos a verdade tódolos días. Pensa, por exemplo, no caso de Jessica. Ela conta: “A miña filla é tan alérxica ó cacahuete que ata o máis mínimo rastro da proteína deste froito pode provocarlle a morte”. Así que Jessica ten que asegurarse de que a comida que compra sexa segura para a súa filla. Ela segue dicindo: “O primeiro que fago é ler detidamente as etiquetas para comprobar os ingredientes. Despois investigo máis a fondo e incluso contacto coa empresa para asegurarme de que non hai ningún risco de contaminación cruzada. Tamén consulto en Internet, ou noutras fontes confiables, para confirmar que a forma na que a empresa prepara os alimentos é de fiar”.

Quizais as cuestións sobre as que ti buscas a verdade no teu día a día non son tan importantes como o que ten que facer Jessica. Pero si que podes usar o mesmo método ca ela para atopar a resposta ás túas preguntas.

  • Informarte

  • Investigar máis a fondo

  • Asegurarte de que os sitios de Internet ou outros lugares nos que buscas información sexan confiables

Este mesmo proceso pode axudarche a encontrar a resposta ás grandes preguntas da vida. Vexamos como.

UN LIBRO ÚNICO QUE CONTÉN A VERDADE

Para encontrar a verdade sobre as preguntas importantes da vida, Jessica usa un enfoque parecido ó que utiliza para asegurarse de que un alimento non sexa perigoso para a súa filla. Ela di: “Ler detidamente a Biblia e facer unha boa investigación axudoume a encontrar respostas confiables”. Igual que Jessica, millóns de persoas descubriron o que di a Biblia sobre as seguintes preguntas:

  • Que propósito ten a vida?

  • Que ocorre cando morremos?

  • Por que hai tanto sufrimento?

  • Que está facendo Deus para acabar co sufrimento?

  • Como podemos ter unha familia feliz?

Ti tamén podes atopar a verdadeira resposta a estas e outras preguntas lendo a Biblia e buscando máis información en www.ps8318.com.