Ir ó contido

Ir ó índice

“Se vos tedes amor uns a outros”

“Se vos tedes amor uns a outros”

“Se vos tedes amor uns a outros”

“Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós. Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros.” (XOÁN 13:34, 35)

Que significa? Cristo díxolles ós seus seguidores que tiñan que amarse uns ós outros como el os amaba. Pero de que xeito os amou Xesús? Nunca se deixou influír polos prexuízos que existían naquel tempo contra as persoas doutras nacións e contra as mulleres (Xoán 4:7-10). O amor tamén o impulsou a sacrificar a súa comodidade, o seu tempo e as súas enerxías para axudar a outros (Marcos 6:30-34). Pero a maior mostra de amor deuna ó entregar a súa vida. El dixo: “Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida polas ovellas” (Xoán 10:11).

O exemplo dos primeiros cristiáns. No primeiro século, os cristiáns chamábanse uns a outros “irmán” ou “irmá” (Filemón 1, 2). Na congregación recibían con gusto a persoas de calquera nación. Crían que non había diferenza entre xudeu e grego, porque todos tiñan o mesmo Señor (Romanos 10:11, 12). A Biblia di que no ano 33, despois de rematar a festa do Pentecostés, os discípulos de Xerusalén “vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme ás necesidades de cada un”. Para que o facían? Para que os que se acababan de bautizar puidesen quedar na cidade e seguir escoitando os ensinos dos apóstolos (Feitos 2:41-45). Tertuliano revelou a clave de tal xenerosidade cando, menos de douscentos anos despois de morrer os apóstolos, citou o que outros dicían dos cristiáns: “Mira [...] como se aman uns a outros [...] e como están dispostos a morrer o un polo outro”.

Quen fai o mesmo na actualidade? No libro Historia de la decadencia y ruina del Imperio romano indícase que, por séculos, os que dicían ser cristiáns estiveron “causándose uns ós outros quebrantos moito máis grandes que cantos padeceron polos actos crueis dos infieis”. Un estudo recente realizado nos Estados Unidos revelou unha conexión moi forte entre as persoas relixiosas, na súa gran maioría cristiás, e o racismo. Os cidadáns de distintos países que pertencen a unha mesma relixión normalmente non se identifican uns cos outros. Por iso non senten a inclinación de axudarse entre eles cando hai unha necesidade.

No ano 2004, o estado de Florida (Os Estados Unidos) sufriu o embate de catro furacáns en só dous meses. Tempo despois, o presidente do Comité de Operacións de Emerxencia de Florida quixo ver como se estaban a usar as subministracións. Ó darse conta de que ningún grupo estaba tan ben organizado como as testemuñas de Xehová, ofreceuse a proverlles todo o que necesitasen. Anos antes, en 1997, un grupo de testemuñas de Xehová atravesou a República Democrática do Congo co fin de abastecer de medicamentos, comida e roupa os seus irmáns cristiáns e a outras persoas que o necesitasen. O custo desas subministracións doadas por testemuñas de Xehová de Europa ascendeu a un millón de dólares.