Ir ó contido

Que son os anxos?

Que son os anxos?

O que di a Biblia

 Os anxos son seres que teñen máis forza e habilidades que os humanos (2 Pedro 2:11). Viven no mundo dos espíritos, é dicir, nun nivel de existencia superior ó universo físico. A Biblia chámalle a ese lugar o ceo (1 Reis 8:27; Xoán 6:38). Por iso, ás veces tamén se lles chama espíritos (1 Reis 22:21; Feitos 23:8, 9).

De onde veñen os anxos?

 Deus creou os anxos por medio de Xesús, quen foi a primeira creación de Deus. A Biblia describe este proceso da seguinte maneira: “Por medio del fixéronse as cousas, as da terra e tamén as do ceo” (Colosenses 1:13-17). Esta descrición tamén inclúe os anxos. Os anxos nin se casan, nin teñen fillos (Marcos 12:25). Son “fillos de Deus” e foron creados por Xehová de forma individual (Xénese 6:2).

 Os anxos foron creados no pasado, moito antes de que o planeta existise. Cando Deus creou a Terra, os anxos “lanzaron gritos de louvanza” (Xob 38:4-7, TNM).

Cantos anxos hai?

 A Biblia non dá un dato exacto, pero si mostra que hai moitísimos. Por exemplo, a visión que tivo o apóstolo Xoán fala de centos de millóns de anxos (Apocalipse 5:11, nota).

Teñen os anxos nome propio e personalidade?

 Si, a Biblia menciona o nome de dous anxos: Miguel e Gabriel (Daniel 12:1; Lucas 1:26). a Outros anxos recoñeceron que tamén tiñan nome, aínda que non quixeron dicilo (Xénese 32:30 [32:29, TNM]; Xuíces 13:17, 18).

 Os anxos teñen diferentes personalidades. Poden comunicarse uns cos outros (1 Corintios 13:1). Teñen a capacidade de pensar e poden compoñer expresións de louvanza a Deus (Lucas 2:13, 14). Tamén poden decidir entre o ben e o mal como se demostrou cando algúns deles pecaron e se uniron a Satanás na súa rebelión contra Deus (Mateo 25:41; 2 Pedro 2:4).

Existen diferentes rangos entre os anxos?

 Si. O anxo con máis poder e autoridade é Miguel, o arcanxo (Xudas 9; Apocalipse 12:7). Os serafíns son anxos de alto rango que están cerca do trono de Xehová (Isaías 6:2, 6). Os querubíns forman outro grupo de anxos de alto rango que teñen funcións ou deberes especiais. Por exemplo, despois de que Adam e Eva fosen expulsados do xardín de Edén, os querubíns vixiaron a súa entrada (Xénese 3:23, 24).

Poden axudarnos os anxos?

 Si. Deus usa os seus anxos fieis para axudar ás persoas hoxe.

  •   Deus usa os seus anxos para guiar os seus servos na predicación das boas noticias do Reino de Deus (Apocalipse 14:6, 7). Esa guía benefícialles tanto ós que levan as boas noticias como ós que as reciben (Feitos 8:26, 27, TNM).

  •   Os anxos axudan a manter a congregación cristiá libre da influencia da xente mala (Mateo 13:49).

  •   Os anxos guían e protexen a aqueles que son fieis a Deus (Salmo 34:8 [34:7, TNM]; 91:10, 11; Hebreos 1:7, 14).

  •   Os anxos moi pronto traerán alivio á humanidade loitando ó lado de Xesús para eliminar a maldade (2 Tesalonicenses 1:6-8).

Temos cada un de nós un anxo gardián?

 Aínda que os anxos coidan do benestar espiritual dos servos de Deus, iso non significa necesariamente que Deus lle asigne a cada cristián un anxo gardián (Mateo 18:10). b Os anxos non protexen os servos de Deus de tódalas probas ou tentacións. A Biblia mostra que, para soportar unha proba, Deus “havos dar tamén os medios para poder saír dela”, dándolle a miúdo á persoa a forza e a sabedoría que necesita (1 Corintios 10:12, 13; Santiago 1:2-5).

Ideas equivocadas sobre os anxos

 Idea equivocada: Tódolos anxos son bos.

 Realidade: A Biblia fala tanto de “espíritos do mal” coma de “anxos que pecaron” (Efesios 6:12; 2 Pedro 2:4). Estes anxos malvados son os demos, que se rebelaron contra Deus ó unirse a Satanás.

 Idea equivocada: Os anxos son inmortais.

 Realidade: Os anxos malvados, incluído o Demo, serán destruídos (Xudas 6).

 Idea equivocada: Cando morremos convertémonos en anxos.

 Realidade: Os anxos son unha creación de Deus, e non persoas resucitadas (Colosenses 1:16). As persoas que son resucitadas para vivir no ceo, reciben de Deus o regalo da inmortalidade (1 Corintios 15:53, 54). Estes ocuparán un posto superior ó dos anxos (1 Corintios 6:3).

 Idea equivocada: Os anxos foron creados para servir os humanos.

 Realidade: Os anxos obedecen as ordes de Deus, non as nosas (Salmo 103:20, 21). Ata Xesús mesmo recoñeceu que debía pedirlle axuda a Xehová e non directamente ós anxos (Mateo 26:53).

 Idea equivocada: Podemos orarlle ós anxos por axuda.

 Realidade: A oración a Deus forma parte da nosa adoración e só debemos adorar a Xehová (Apocalipse 19:10). Por iso, unicamente deberiamos orar a Deus por medio de Xesús (Xoán 14:6).

a Algunhas traducións da Biblia usan o termo “Lucifer” en Isaías 14:12 e algunhas persoas chegaron a entender que se trata do nome do anxo que logo chegou a ser o Demo. En cambio, a palabra hebrea que se usou aquí significa “o resplandecente”. O contexto mostra que esta palabra non se refire a Satanás, senón á dinastía real de Babilonia que Deus humillaría pola súa arrogancia (Isaías 14:4, 13-20). A expresión “o resplandecente” usouse para burlarse da dinastía de Babilonia despois de que esta caese.

b Algúns pensan que o relato da liberación do cárcere de Pedro mostra que tiña un anxo gardián (Feitos 12:6-16). Pero, cando os discípulos se referiron ó “anxo [de Pedro]”, pode que erroneamente pensaran que un anxo viñera falar con eles en nome de Pedro, en vez de vir el mesmo.