Ir ó contido

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

“As artes marciais eran a miña vida”

“As artes marciais eran a miña vida”
  • Ano de nacemento: 1962

  • País de orixe: Os Estados Unidos

  • Outros datos: Centrado nas artes marciais

O MEU PASADO

 A lesión do meu compañeiro de adestramento foi meirande do esperado. Eu acababa de darlle unha patada no nariz de xeito accidental. Sentinme tan culpable que me preguntei se debía seguir coas artes marciais. Por que me levou este accidente a cuestionarme se continuar cun deporte que levaba practicando moitos anos? Antes de seguir, deixádeme explicarvos porque comecei a practicar artes marciais.

 Medrei no seo dunha feliz familia católica practicante preto de Búfalo, unha cidade do estado de Nova York, nos Estados Unidos. Eu ía a unha escola católica e tamén era acólito. Meus pais querían que á miña irmá mais a min nos fose ben na vida. Así que me deixaban practicar deportes ou traballar unhas horiñas despois da escola, sempre que sacase boas notas. Isto axudoume a ser autodisciplinado dende ben neniño.

 Cando tiña dezasete anos comecei a aprender artes marciais. Por anos estiven adestrando tres horas ó día, seis días á semana. Tamén dedicaba moitas horas á semana a ensaiar mentalmente técnicas e movementos, e a ver vídeos sobre como mellorar. Encantábame practicar cos ollos vendados, mesmo con armas. Podía partir táboas e ladrillos cun só golpe de man. Cheguei a ser un dos mellores e gañei moitos trofeos. As artes marciais convertéronse no máis importante da miña vida.

 Acadei o que eu pensaba que era o éxito. Gradueime na universidade con matrícula de honra. Contratoume unha importante compañía como enxeñeiro de sistemas informáticos e desfrutei dos beneficios extras que daba esta compañía. Ademais tiña unha casa e tiña moza. A miña vida parecía xenial. Pero só o parecía, porque nos meus adentros facíame preguntas sobre a vida que me desconcertaban.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

 Para atopar as respostas ás miñas preguntas, púxenme a ir á igrexa dúas veces á semana e rogáballe a Deus que me axudase. Ó pouco, unha conversa cun amigo cambiou a miña vida. Ó falarmos, díxenlle: “E logo ti nunca te preguntaches para que estamos aquí? O mundo está tan cheo de problemas e inxustizas!”. Díxome que el tamén se preguntara iso e que atopara a resposta na Biblia. Deume un libro titulado Usted puede vivir para siempre en el paraíso en la Tierra. a Tamén me contou que estudara a Biblia coas testemuñas de Xehová. De primeiras dubidei porque coidaba que non debía ler libros doutra relixión que non fose a miña. Pero tiña tantas ganas de atopar as respostas ás miñas preguntas que decidín ver se tiña sentido o que ensinaban as testemuñas de Xehová.

 Sorprendeume moito descubrir o que realmente ensina a Biblia. Aprendín que o propósito orixinal de Deus era que os humanos vivísemos para sempre na Terra e que ese propósito non cambiou (Xénese 1:28). Quedei sen palabras cando vin o nome de Deus, Xehová, na miña propia Biblia do rei Xacobe. Foi abraiante saber que ese era o nome polo que eu pedía cando rezaba un nosopai (Salmo 83:19 [83:18, NM e Versión del Rey Jacobo]; Mateo 6:9). Ademais, ó final entendín por que permite Deus de xeito temporal o sufrimento. Todo o que aprendín tíñache tanto sentido! Aprender todo isto emocionóucheme moito.

 Nunca esquecerei o que sentín cando comecei a ir ás reunións das testemuñas de Xehová. Todo o mundo era moi agradable e me preguntaba como me chamaba. Na primeira reunión á que fun presentouse unha conferencia especial que explicou cales son as oracións que Deus escoita. Este tema interesábame moito, xa que eu estaba rezándolle a Deus por axuda. Despois fun á Conmemoración da morte de Xesús. Nestas reunións sorprendíame ver que ata os nenos seguían a lectura dos textos nas súas biblias. Ó principio eu non sabía buscar os textos na Biblia, pero as testemuñas de Xehová axudáronme a conseguilo.

 Ó asistir a máis reunións, funme decatando do excelente nivel de ensino que tiñan as testemuñas de Xehová. Aprendía moito en cada unha das reunións, e sempre saía moi animado. Despois invitáronme a facer un curso da Biblia.

 O que vía entre as testemuñas de Xehová e o que estaba afeito a ver na miña igrexa era coma da noite ó día. Decateime de que as testemuñas de Xehová son un grupo de persoas sinceras e unidas que fan todo o posible por agradarlle a Deus. O amor que se mostran foime convencendo de que eran eles os que tiñan a marca que identifica os verdadeiros cristiáns (Xoán 13:35).

 Canto máis estudaba a Biblia, máis cambios facía na miña vida para me adaptar ó que Deus nos di na súa Palabra. Malia todo, víame incapaz de renunciar ás artes marciais porque me encantaba adestrar e competir. Falei coa testemuña de Xehová con quen estudaba a Biblia, e respondeume con moito agarimo e seguridade: “Ti segue a estudar a Biblia. Eu sei que acabarás tomando a decisión correcta”. Aquilo era o que eu precisaba escoitar. Canto máis estudaba, máis quería agradarlle a Deus.

 Un momento de inflexión na miña vida foi o incidente que mencionei ó principio, cando pateei sen querer no nariz o meu compañeiro de adestramento. Aquel accidente fíxome pensar seriamente sobre se podería ser un discípulo pacífico de Cristo e, ó mesmo tempo, seguir practicando artes marciais. Xa sabía que Isaías 2:3, 4 dicía que os que seguen as normas de Xehová non “aprenderán de novo a face-la guerra”. E Xesús ensinounos a non recorrer á violencia mesmo cando nos traten inxustamente (Mateo 26:52). Así que deixei o deporte que tanto me apaixonaba.

 Despois daquilo comecei a levar á práctica o consello da Biblia “exercítate na auténtica piedade” (1 Timoteo 4:7). Todo o tempo e esforzo que antes dedicaba ás artes marciais, invertíao agora en coñecer mellor a Deus, achegarme a el e servilo. A miña moza non estaba de acordo co que eu estaba a aprender na Biblia, así que rompemos a relación. O 24 de xaneiro de 1987 fun bautizado como testemuña de Xehová. Pouco tempo despois comecei a servir a tempo completo para ensinarlles da Biblia a outros. Inda sigo ata hoxe nese servizo. Durante un tempo servín na sede central das Testemuñas de Xehová en Nova York (Os Estados Unidos).

OS BENEFICIOS

 Agora que sei a verdade sobre Deus, xa descubrín o que lle faltaba á miña vida. Xa non me sinto baleiro. Pola contra, a miña vida ten sentido, teño unha esperanza real para o futuro e sonche verdadeiramente feliz. Inda me encanta facer exercicio de xeito regular, pero xa non é o máis importante para min. A miña prioridade é servir a Xehová.

 Cando practicaba artes marciais, sempre andaba alerta da xente que andaba arredor miña pensando en como me defender se alguén me atacaba. Hoxe inda sigo alerta, pero cun motivo ben diferente: para poder axudalas. A Biblia axudoume a me converter nunha persoa xenerosa e a ser un bo cónxuxe para Brenda, a miña muller.

 As artes marciais eran a miña vida. Pero substituínas por algo moito mellor. É ben certo o que di a Biblia: “O exercicio corporal e útil para pouco tempo; pero a piedade verdadeira é útil para sempre, porque contén a promesa da vida presente e da que está por vir” (1 Timoteo 4:8).

a Editado polas Testemuñas de Xehová. Xa non se imprime.