Ir ó contido

Un curso da Biblia que se converteu en moitos

Un curso da Biblia que se converteu en moitos

 Marta é testemuña de Xehová, vive en Guatemala e está aprendendo a lingua quekchí para poder falar da Biblia coa xente dese idioma. Un día viu un home saíndo dun hospital que pola súa aparencia lle semellaba ser dalgunha aldea quekchí. Marta pensou que sería dunha zona montañosa onde as testemuñas de Xehová non predicaran moito. Daquela achegouse onda el e faloulle empregando o pouco quekchí que sabía.

 Marta ofreceulle un curso da Biblia e el aceptouno de bo grado, inda que lle dixo que non tiña cartos para pagalo. Marta explicoulle que os cursos da Biblia que fan as testemuñas de Xehová son de balde. Tamén lle dixo que poderían facer o curso por teléfono e que toda a familia podía participar. O home aceptou. Como sabía falar e ler en español, Marta deulle unha Biblia, a Traducción del Nuevo Mundo de las Santas Escrituras, en español. Tamén lle deu un manual de estudo, o libro Que ensina realmente a Biblia?, en quekchí. Á semana seguinte, o home, a súa muller, a súa filla e o seu fillo comezaron a estudar a Biblia por teléfono con Marta. Facían o curso dúas veces á semana. Marta di: “Como eu non me manexaba en quekchí, estudabamos en español e o home ía traducíndolle ó quekchí á súa dona. Os fillos si que entendían o español”.

 Este home era pastor pentecostal, e comezou a ensinar na súa parroquia o que ía aprendendo no curso da Biblia. Ós fregueses gustoulles o que lles dixo e preguntáronlle onde aprendera esas novas ensinanzas. Cando lles contou do curso bíblico que estaba a facer, comezaron a unírselle un tras outro ó curso. Axiña, xa se xuntaban unhas quince persoas cada semana para estudaren a Biblia por teléfono con Marta. Co tempo, puxeron un micrófono preto do teléfono para que todos puidesen escoitar ben.

 Cando Marta lle contou ós anciáns da súa congregación o que lle estaba a pasar neste curso da Biblia, un deles foi á aldea dos estudantes e convidounos a asistir a unha conferencia pública que o superintendente de circuíto a ía dar noutra aldea. Para chegar, había que facer unha hora en coche e despois andar dúas horas máis a pé. Os estudantes aceptaron, e 17 deles asistiron á conferencia.

 Pasadas unhas semanas, o superintendente de circuíto e outras testemuñas de Xehová botaron catro días cos estudantes. Polas mañás vían en jw.org vídeos baseados na Biblia en lingua quekchí e estudaban o folleto Quen está a facer a vontade de Xehová hoxe en día?. Polas tardes vían algúns programas de JW Broadcasting. Ademais, o superintendente de circuíto buscou a maneira de que cada estudante tivese o seu propio curso da Biblia.

 Durante eses catro días, as testemuñas de Xehová tamén predicaron noutras aldeas quekchí veciñas e convidaron a xente a unha reunión especial. Nesa reunión ofrecéronlles un curso bíblico a cada un dos 47 asistentes, e once familias aceptaron.

 Uns meses máis tarde, os anciáns empezaron a facer unha reunión cada fin de semana na aldea onde se comezara o primeiro curso da Biblia. Actualmente, unhas corenta persoas asisten de xeito regular ás reunións. E foi unha gran ledicia que se xuntasen 91 persoas para celebraren a Conmemoración da morte de Xesús.

 Relembrando como comezou todo e no que resultou, Marta di: “Estoulle tan agradecida a Xehová. Ás veces sinto que non podo facer moito. Pero somos coma ferramentas nas mans de Deus. Xehová sabía o que había no corazón desa xente, e tróuxoos ó seu pobo porque lles quere ben”.

a Un superintendente de circuíto é un ministro relixioso das Testemuñas de Xehová que visita unhas vinte congregacións, que compoñen un circuíto.