Ir ó contido

As testemuñas de Xehová colaboran na limpeza dun bosque preto de Lviv

As testemuñas de Xehová colaboran na limpeza dun bosque preto de Lviv

O 6 de maio de 2017, unhas 130 testemuñas de Xehová colaboraron na limpeza do bosque de Bryukhovychi, preto de Lviv (Ucraína). Os voluntarios, de idades comprendidas entre os 22 e os 80 anos, viven e traballan na sucursal das testemuñas de Xehová de Ucraína, situada preto deste bosque. Limparon unhas cincuenta hectáreas de terreo e xuntaron uns 600 quilogramos de lixo en só tres horas.

Mykhailo Splavinskyi, un dos enxeñeiros encargados do centro de reforestación da cidade de Lviv, di: “As testemuñas de Xehová foron as primeiras en colaborar coa limpeza do bosque, e lévano facendo tódolos anos dende 2014”.

Por que é preciso limpar o bosque

Splavisnskyi explica que o bosque énchese de lixo por dous motivos. “A xente deixa o seu lixo sen recoller e os camións van botar os cascallos e outros desperdicios das obras”, di.

Isto é un problema moi grave. “O lixo tarda moito tempo en descompoñerse”, comenta Splavinskyi. Como resultado, “contamínase a auga subterránea, o que orixina problemas ecolóxicos”, engade. Os cristais que hai entre os desperdicios intensifican a acción dos raios do sol e poden provocar incendios. Ademais, os cristais rotos e as xiringas usadas son moi perigosos, sobre todo para os nenos. “Podemos evitar estes problemas retirando o lixo”, menciona.

Limpar unha superficie de 3300 hectáreas é todo un reto. “Só contamos con cinco gardas forestais”, explica, “así que non podemos limpar unha zona tan grande. Por iso, unha vez ó ano, pedímoslle á xente que colabore na limpeza do bosque”, engade.

Recoller, separar e eliminar

Equipadas con guantes, bolsas de plástico e angazos, as testemuñas de Xehová recolleron botellas, pneumáticos, cristais, cachos de metal, papeis, plásticos e xiringas usadas. Ihor Fedak, un garda forestal da rexión, destaca :“A zona onde estiveron as testemuñas de Xehová quedou moi limpa”.

Aínda que non é obrigatorio por lei, os voluntarios separan o lixo para a súa reciclaxe segundo a súa composición: vidro, papel ou plástico. Despois unha empresa local de xestión de residuos procesa o lixo. Dende 2016, as testemuñas de Xehová fanse cargo voluntariamente dos gastos de eliminación do que recollen. “Agradézolle ás testemuñas de Xehová a súa axuda”, di Fedak. “Axúdannos moito”, engade.

“Limpar non me resta dignidade”

As testemuñas de Xehová desfrutan de colaborar na limpeza anual do bosque. Están encantadas de contribuír ó benestar da comunidade e de manter o bosque limpo. Volker pensa igual que outros moitos voluntarios: “Limpar non me resta dignidade. Facer cousas polos demais é un honor, e ademais síntome feliz”.

Anzhelika engade: “Para min o importante non é quen botou o lixo, senón o que podo facer eu para eliminalo”. Lois, que ten 78 anos e tamén participou nesta tarefa, di: “No canto de enfadarte ó ver o lixo tirado cando das un paseo, é mellor recollelo e desfacerse del”.

“A xente adoita vernos de traxe e gravata falando das nosas crenzas”, di Wieslaw. “Pero tamén estamos dispostos a arremangarnos para limpar o bosque ou para realizar calquera outra tarefa que beneficie a comunidade”, engade.