Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 42

Os que sigan sendo íntegros a Xehová serán felices

Os que sigan sendo íntegros a Xehová serán felices

“Ditosos os de conducta intachable, os que andan coa lei do Señor” (SAL. 119:1).

CANCIÓN sjj 124 Sempre fieis e leais

AVANCE *

Algúns dos nosos valentes irmáns e irmás que estiveron ou están agora no cárcere por ser leais á soberanía de Xehová (ver os parágrafos 1 e 2).

1, 2. a) Que fixeron algúns gobernos contra os servos de Xehová, pero como reaccionaron estes? b) Por que podemos ser felices incluso cando nos perseguen? (Comenta tamén a imaxe da portada da revista).

 AGORA mesmo, a nosa obra está restrinxida ou prohibida en máis de 30 países e territorios arredor do mundo. Nalgúns deles, as autoridades meteron no cárcere os nosos irmáns e irmás. Que delito cometeron? Ós ollos de Xehová, ningún. O único que fixeron foi ler e estudar a Biblia, falar das súas crenzas con outros, asistir ás reunións e manterse neutrais en asuntos políticos. A pesar da intensa oposición que están sufrindo, estes servos fieis seguen sendo íntegros a Xehová. * E que felices son por selo!

2 Viches algunha vez unha fotografía na que saíse algún destes valentes irmáns? Seguro que te fixaches no seu sorriso, verdade? Son felices porque saben que Xehová está moi contento de ver que seguen sendo íntegros (1 Cró. 29:17a). Xesús dixo: “Ditosos os perseguidos por causa da xustiza”. E engadiu: “Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa” (Mt. 5:10-12).

UN EXEMPLO PARA NÓS

Pedro e Xoán puxeron un bo exemplo para os cristiáns da actualidade que teñen que declarar nun xulgado e defender a súa fe (ver os parágrafos 3 e 4).

3. Segundo Feitos 4:19, 20, que fixeron os apóstolos no primeiro século cando os perseguiron, e por que?

3 Os nosos irmáns e irmás están pasando polo mesmo que sufriron os apóstolos no primeiro século cando foron perseguidos por predicar acerca de Xesús. En repetidas ocasións, os xuíces do alto tribunal xudeu “prohibíronlles que baixo ningún pretexto falasen nin ensinasen no nome de Xesús” (Feit. 4:18; 5:27, 28, 40). Que fixeron os apóstolos? (Le Feitos 4:19, 20) Sabían que alguén con máis autoridade lles mandara predicarlles ás persoas acerca de Cristo (Feit. 10:42). Por iso, en nome dos apóstolos, Pedro e Xoán dixéronlles a aqueles xuíces que non os obedecerían a eles, senón a Deus, e que non ían deixar de falar acerca de Xesús. En realidade, foi coma se lles dixesen: “Como vos atrevedes a dicir que tedes máis autoridade ca Deus?”.

4. a) Segundo Feitos 5:27-29, que exemplo lles puxeron os apóstolos a tódolos cristiáns verdadeiros? b) Como podemos imitalos?

4 Os apóstolos puxéronlles un bo exemplo a tódolos cristiáns verdadeiros que viviron dende o seu tempo ata os nosos días. Estiveron decididos a obedecer a Deus como gobernante “antes cós homes” (le Feitos 5:27-29). Despois de que lles desen golpes por ser íntegros a Xehová, os apóstolos saíron do tribunal xudeu felices por ser “dignos de sufrir” a causa do nome de Xesús. Ademais, non deixaron de predicar (Feit. 5:40-42).

5. Que preguntas imos analizar?

5 Ó pensar no exemplo dos apóstolos, poderiamos preguntarnos: Como é posible que obedecesen a Deus máis ben que ós homes e ó mesmo tempo se sometesen “ás autoridades constituídas”? (Rm. 13:1) Como podemos ser obedientes ós gobernos e “ás autoridades”, como dixo o apóstolo Paulo, e ó mesmo tempo seguir sendo íntegros a Deus como Gobernante supremo? (Tit. 3:1).

AS “AUTORIDADES CONSTITUÍDAS”

6. a) Quen son as “autoridades constituídas” que se mencionan en Romanos 13:1, e que obriga temos? b) Que podemos afirmar acerca dos gobernantes humanos?

6 Le Romanos 13:1. Neste versículo, a expresión “autoridades constituídas” refírese ós gobernantes humanos que exercen o seu poder sobre outras persoas. Os cristiáns debemos obedecer estas autoridades. Os gobernos manteñen a orde pública, vixían que se cumpran as leis e, ás veces, ata saen en defensa dos servos de Xehová (Ap. 12:16). Polo tanto, debemos pagar os impostos e darlles o respecto e a honra que esixen (Rm. 13:7). Pero o certo é que teñen autoridade só porque Xehová permite que a teñan. Xesús deixou esta idea clara cando foi interrogado por Poncio Pilato. Cando este gobernador romano mencionou que tiña autoridade tanto para perdoarlle a vida como para condenalo a morte, Xesús díxolle: “Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba” (Xn. 19:11). Coma no caso de Pilato, a autoridade de tódolos gobernantes humanos da actualidade é limitada.

7. a) En que situacións non debemos obedecer os gobernos humanos? b) Que deberían ter en conta os gobernantes humanos?

7 Os cristiáns obedecemos os gobernos humanos, excepto cando as súas leis van en contra das leis de Deus. Non podemos obedecelos cando nos piden facer algo que Deus prohibe, ou cando nos prohiben facer algo que Deus nos pide. Por exemplo, quizais necesiten soldados para loitar polo seu país. * Ou poida que prohiban a nosa Biblia, as nosas publicacións, a predicación e as reunións. Cando os gobernantes non usan ben a autoridade que teñen e perseguen os discípulos de Cristo, Xehová toma nota do que fan e pediralles contas por iso (Ecl. 5:7 [5:8, TNM]).

8. Cal é a diferenza entre Xehová e os gobernos humanos?

8 As “autoridades constituídas”, ou gobernos humanos, teñen moita autoridade, pero non teñen a autoridade suprema. Esa autoridade só a ten Xehová. De feito, na Biblia chámaselle “o Altísimo” en moitas ocasións (Dn. 7:18, 22, 25, 27).

“O ALTÍSIMO”

9. Que viu o profeta Daniel nunhas visións?

9 Nunhas visións, o profeta Daniel viu claramente que a autoridade de Xehová está por encima de calquera outra. En primeiro lugar, viu catro bestas moi grandes que simbolizan diferentes potencias mundiais do pasado e do presente: Babilonia, Medopersia, Grecia, Roma e a actual potencia mundial formada polo Reino Unido e Os Estados Unidos (Dn. 7:1-3, 17). Despois, Daniel viu a Xehová sentado nun trono nun tribunal nos ceos (Dn. 7:9, 10). O que este fiel profeta viu a continuación debería servirlles de advertencia ós gobernantes da actualidade.

10. a) Segundo Daniel 7:13, 14, 27, a quen lles dá Xehová a autoridade e o poder sobre a Terra? b) Que demostra isto acerca de Xehová?

10 Le Daniel 7:13, 14, 27. Daniel viu que Deus lles quitaba o poder e a autoridade ós gobernos humanos e llelos daba a outras persoas que eran máis poderosas e que o merecían máis. A quen? A “alguén semellante a un fillo de home”, é dicir, Xesucristo, e ós “santos do Altísimo”, é dicir, os 144.000 que reinarán “eternamente” (Dn. 7:18). Non hai dúbida de que Xehová é “o Altísimo” xa que é o único que ten a autoridade para facer tal cousa.

11. Que outras cousas escribiu Daniel que demostran que Xehová ten a autoridade suprema?

11 O que Daniel viu na visión está de acordo co que xa dixera antes: “O Deus do ceo, [...] depón os reis e entronízaos”. Tamén mencionou que “o Altísimo é Gobernante no reino da humanidade e que el llo dá a quen el quere” (Dn. 2:19-21; 4:17TNM). Quitoulle Xehová o poder e a autoridade algunha vez a algún gobernante humano? Por suposto.

Xehová quitoulle o reino a Baltasar e déullelo ós medos e ós persas (ver o parágrafo 12).

12. Pon un exemplo de como Xehová lles quitou a súa autoridade a diferentes reis do pasado (ver a imaxe).

12 Xehová demostrou de forma clara que a súa autoridade está moi por encima da que teñen os gobernos humanos. Analicemos tres exemplos. O faraón de Exipto tiña escravo o pobo de Xehová e negábase a deixar marchar os israelitas. Pero Deus liberounos e fixo que o faraón afogase no Mar Rubio (Éx. 14:26-28; Sal. 136:15). En certa ocasión, o rei Baltasar de Babilonia estaba celebrando unha festa na que desafiou o “Señor do ceo” louvando deuses de prata e de ouro en vez de a Deus (Dn. 5:22, 23). Pero Xehová humillou este home tan arrogante. A Biblia indica que Baltasar perdeu a vida “naquela mesma noite” e o seu reino foi parar ás mans dos medos e dos persas (Dn. 5:28, 30; 6:1 [5:31, TNM]). Outro exemplo é o do rei Herodes Agripa I de Palestina. Este gobernante fixo que matasen o apóstolo Santiago e despois meteu no cárcere o apóstolo Pedro para matalo tamén. Pero Xehová impediulle levar a cabo o seu plan. A Biblia di que un anxo de Deus fixo que Herodes enfermase e morrese (Feit. 12:1-5, 21-23).

13. Pon un exemplo de como Xehová derrotou moitos gobernantes xuntos.

13 Xehová tamén demostrou que, aínda que os gobernantes se xunten contra el, a súa autoridade segue sendo superior. Por exemplo, loitou a favor do pobo de Israel e axudoulles a acabar coa alianza que fixeran 31 reis cananeos, e a conquistar moito territorio da Terra Prometida (Xos. 11:4-6, 20; 12:1, 7, 24). Ademais, tamén lles axudou ós israelitas a derrotar o rei Benhadad e “outros 32 reis” sirios que pelexaron contra Israel (1 Re. 20:1, 26-29TNM).

14, 15. a) Que dixeron os reis Nabucodonosor e Darío acerca da soberanía de Xehová? b) Que dixo o salmista sobre Xehová e o seu pobo?

14 Unha e outra vez, Xehová demostrou que é o Altísimo, o Soberano supremo. O rei Nabucodonosor de Babilonia presumiu do seu poder e da gloria da súa maxestade, e non recoñeceu humildemente que Xehová é o único que merece louvanza. Como resultado, Deus fixo que se volvese tolo. Cando recuperou a razón, Nabucodonosor louvou “o Altísimo” e recoñeceu que o goberno de Xehová “é un reino eterno”. Ademais, engadiu: “Non hai quen lle poida dete-la man” (Dn. 4:27, 30-32 [4:30, 33-35, TNM]). Despois de que se puxese a proba a integridade de Daniel e de que Xehová o rescatase do foxo dos leóns, o rei Darío dixo: “Eu dou orde de que en tódolos dominios do meu reino se tema e se respecte o Deus de Daniel, pois El é o Deus que subsiste por sempre. O seu reino endexamais non será destruído, o seu imperio durará sen fin” (Dn. 6:8-11, 20-23, 27, 28 [6:7-10, 19-22, 26, 27, TNM]).

15 O salmista escribiu: “O Señor estraga o consello das nacións, desbarata os designios dos pobos”. E engadiu: “Feliz a nación que ten a Deus por Señor, o pobo que El elixiu como herdade” (Sal. 33:10, 12). Verdade que esta é unha moi boa razón para seguir sendo íntegros a Xehová?

A GUERRA FINAL

A coalición de nacións non será rival para o exército celestial de Xehová (ver os parágrafos 16 e 17).

16. Cando pensamos na gran tribulación, de que podemos estar seguros, e por que? (Ver a imaxe).

16 Despois de analizar o que Xehová fixo no pasado, que esperamos que pase no futuro? Podemos estar seguros de que Xehová protexerá os seus servos fieis durante a “gran angustia”, ou gran tribulación (Mt. 24:21; Dn. 12:1). Isto sucederá cando un conxunto ou coalición de nacións, coñecido como Gog de Magog, ataque sen piedade a tódolos servos fieis de Xehová. Aínda que esta coalición inclúa os 193 países que compoñen a Organización das Nacións Unidas, nin sequera así será rival para o Altísimo e o seu exército celestial. Xehová promete: “Deste xeito mostrarei a miña grandeza e a miña santidade, e dareime a coñecer na presencia de pobos numerosos. Recoñecerán que eu son o Señor” (Ez. 38:14-16, 23; Sal. 46:11 [46:10, TNM]).

17. a) Segundo a Biblia, que lles espera ós “reis de toda a terra”? b) Que lles espera ós que sigan sendo íntegros a Xehová?

17 O ataque de Gog desencadeará a guerra final do Harmaguedón, na que Xehová eliminará “os reis de toda a terra” (Ap. 16:14, 16; 19:19-21). Pola contra, “os homes honrados habitarán na terra, os íntegros serán deixados nela” (Pr. 2:21).

DEBEMOS SEGUIR SENDO ÍNTEGROS A XEHOVÁ

18. Que estiveron dispostos a facer moitos cristiáns verdadeiros, e por que? (Daniel 3:28).

18 Durante centos de anos, moitos cristiáns verdadeiros estiveron dispostos a arriscar a súa liberdade e incluso as súas vidas porque amaban a Xehová como o seu Gobernante supremo. Desta maneira demostraron que estaban decididos a seguir sendo íntegros a Xehová. Son coma os tres hebreos que foron botados nun forno de lume por ser fieis ó Altísimo (le Daniel 3:28).

19. a) En base a que xulgará Xehová os seus servos? b) Que debemos facer agora?

19 Falando da importancia de non deixar de ser íntegros a Deus, o salmista David escribiu: “Xehová sentenciará os pobos. Xúlgame, oh, Xehová, segundo a miña rectitude, de acordo coa miña integridade” (Sal. 7:8TNM). Noutra ocasión, tamén dixo: “Que a integridade e a rectitude me protexan” (Sal. 25:21TNM). O mellor modo de vivir é ser fieis a Xehová e, pase o que pase, seguir sendo leais a el. Entón sentirémonos como o salmista, que escribiu: “Ditosos os de conducta intachable, os que andan coa lei do Señor” (Sal. 119:1).

CANCIÓN sn 32 Manteñámonos firmes e inabalables!

^ A Biblia anima os cristiáns a ser obedientes “ás autoridades constituídas”, é dicir, ós gobernos deste mundo. Pero algúns destes gobernos demostran que están totalmente en contra de Xehová e dos seus servos. Como podemos obedecer os gobernos humanos e ó mesmo tempo seguir sendo íntegros a Xehová?

^ IDEA IMPORTANTE: Ser íntegros a Xehová significa ser sempre leais a el e á súa soberanía, incluso cando é difícil facelo.

^ Mira o artigo “Se os israelitas ían á guerra, por que non imos nós?” que aparece nesta revista.