Ir ó contido

Ir ó índice

Se os israelitas ían á guerra, por que non imos nós?

Se os israelitas ían á guerra, por que non imos nós?

“SE ALGÚN de vós se nega a loitar contra Francia ou Inglaterra, teredes que morrer todos!”. Isto foi o que lle berrou un oficial nazi a un grupo de testemuñas de Xehová durante a Segunda Guerra Mundial. Aínda que había soldados armados das SS esperando arredor deles, ningún dos nosos irmáns cedeu. Que valentía demostraron! Este é un bo exemplo que mostra como vemos as testemuñas de Xehová a guerra. Negámonos a loitar nas guerras deste mundo. Incluso cando ameazan con matarnos, seguimos demostrando que non tomamos partido nos conflitos desde mundo.

Non tódolos que se fan chamar cristiáns opinan o mesmo. Moitos pensan que un cristián non só pode, senón que debería protexer o seu país. É posible que digan: “No pasado, os israelitas eran o pobo de Deus e loitaban en guerras. Entón, por que non deberiamos facelo hoxe en día os cristiáns?”. Como poderías responderlle a quen pense así? Para facelo, poderías explicar que a situación dos israelitas no pasado era moi diferente da do pobo de Xehová da actualidade. Vexamos cinco diferenzas.

1. O POBO DE XEHOVÁ FORMABA UNHA SOA NACIÓN

No pasado, Xehová reuniu o seu pobo nunha nación, Israel. Dixo deles que eran a súa “propiedade escolleita”, ou especial (Éx. 19:5). Ademais, deulles un territorio concreto onde vivir. Así que cando Deus lles dicía ós israelitas que fosen loitar contra outras nacións, non loitaban nin mataban a outras persoas que adorasen a Xehová. *

Hoxe en día, os verdadeiros servos de Xehová son “de tódalas nacións, tribos, pobos e linguas” (Ap. 7:9). Así que, se os servos de Deus fosen ás guerras, poderían estar loitando contra os seus irmáns, ou incluso matalos.

2. XEHOVÁ MANDOULLES ÓS ISRAELITAS QUE FOSEN Á GUERRA

No pasado, Xehová era quen decidía cando e por que tiñan que ir os israelitas á guerra. Por exemplo, ordenoulle a Israel loitar contra os cananeos para que levasen a cabo o seu xuízo contra eles. Por que? Porque eran coñecidos por adorar ídolos demoníacos, pola súa inmoralidade sexual e por sacrificar nenos. Polo tanto, Xehová mandoulles ós israelitas que eliminasen esa mala influencia da terra que lles prometera (Lev. 18:24, 25). Máis tarde, cando os israelitas xa vivían na Terra Prometida, ás veces Xehová díxolles que se defendesen dos inimigos que os atacaban (2 Sam. 5:17-25). Pero Xehová nunca lles deixou decidir por eles mesmos se ir á guerra ou non. De feito, cando o facían, moitas veces as consecuencias eran desastrosas (Núm. 14:41-45; 2 Cró. 35:20-24).

Hoxe en día, Xehová non nos di que vaiamos á guerra. As nacións loitan por intereses humanos, non polos de Deus. De feito, pode que empecen unha guerra por razóns económicas, territoriais, políticas ou ideolóxicas. Pero, que pasa cos que din que loitan no nome de Deus para protexer a súa relixión ou para matar os Seus inimigos? Será Xehová quen protexa os seus verdadeiros servos e destrúa os seus inimigos no futuro, na guerra de Harmaguedón (Ap. 16:14, 16). Nesa guerra, o exército de Xehová estará formado só por criaturas espirituais, non polos seus servos humanos (Ap. 19:11-15).

3. OS ISRAELITAS NON MATABAN A QUEN DEMOSTRABA TER FE EN XEHOVÁ

Como Rahab e a súa familia demostraron ter fe, Xehová salvounos na guerra contra Iericó. Pasa o mesmo nas guerras de hoxe en día? Perdóaselles a vida ós que demostran ter fe en Deus?

No pasado, moitas veces o exército israelita mostraba misericordia ós que demostraban ter fe en Deus, e mataba só a quen Xehová decidía que o merecía. Vexamos dous exemplos. Aínda que Xehová ordenou que se destruíse Iericó, como Rahab e a súa familia demostraron ter fe en Deus, os israelitas non os mataron (Xos. 2:9-16; 6:16, 17). Máis tarde, perdoáronlle a vida a toda a cidade de Gabaón porque a súa xente demostrou que respectaba moito a Deus (Xos. 9:3-9, 17-19).

Hoxe en día, cando hai unha guerra, os soldados non lles perdoan a vida ós que demostran ter fe en Deus e, ás veces, ata matan civís inocentes.

4. OS ISRAELITAS TIÑAN QUE SEGUIR AS NORMAS DE DEUS NAS GUERRAS

No pasado, Xehová mandáballes ós israelitas que seguisen as súas instrucións cando fosen á guerra. Por exemplo, ás veces dicíalles que lle propuxesen un acordo de paz á cidade contra a que ían loitar (Dt. 20:10). Tamén lles pedía ós soldados israelitas que, tanto eles coma o seu campamento, estivesen limpos en sentido físico e moral (Dt. 23:10-15 [9-14, TNM]). Mentres que os exércitos das nacións veciñas normalmente violaban as mulleres dos territorios que conquistaban, Xehová prohibíalles ós israelitas facer iso. De feito, se querían casar cunha das mulleres que capturaran, tiñan que esperar ata que pasase polo menos un mes desde a conquista da cidade (Dt. 21:10-13).

Hoxe en día, a maioría de países teñen acordos internacionais que regulan as guerras para intentar protexer os civís. Pero, por desgraza, moitas veces pásanse por alto estes acordos.

5. DEUS LOITABA A FAVOR DA SÚA NACIÓN

Deus loitou a favor de Israel na guerra contra Iericó. Loita hoxe en día a favor dalgunha nación?

No pasado, Xehová loitaba polos israelitas, e moitas veces facía milagres para que conseguisen a vitoria. Por exemplo, como lles axudou a conquistar a cidade de Iericó? Díxolles que desen “un grande berro”, e despois “derrubáronse os muros”. Isto fixo que lles fose moito máis fácil conquistar a cidade (Xos. 6:20). E como gañaron unha batalla contra os amorreos? O relato di: “O Señor mandou contra eles grandes petoutos desde o ceo [...] e morreron, sendo máis os que morreron polos petoutos, que os que mataron os fillos de Israel pola espada” (Xos. 10:6-11).

Hoxe en día, Xehová non loita por ningunha nación deste mundo. O seu Reino, con Xesús como Rei, “non é deste mundo” (Xn. 18:36). Pola contra, Satanás é o que ten autoridade sobre tódolos gobernos humanos. De feito, as terribles guerras que vemos no mundo son unha mostra da súa malvada personalidade (Lc. 4:5, 6; 1 Xn. 5:19).

OS VERDADEIROS CRISTIÁNS TRATAN DE PROMOVER A PAZ COS DEMAIS

Como vimos, a nosa situación é moi diferente á do antigo pobo de Israel. Pero estas diferenzas non son as únicas razóns polas que non imos á guerra. Vexamos algunha máis. Por exemplo, Deus predixo que nos últimos días os seus servos non aprenderían “de novo a face-la guerra”, así que tampouco deberían participar nela (Is. 2:2-4). Ademais, Cristo dixo que os seus discípulos non serían parte “do mundo”, así que non deberían tomar partido nos conflitos deste mundo (Xn. 15:19).

Xesús tamén animou os seus seguidores a facer algo máis. Mandoulles que evitasen actitudes que os levasen ó resentimento, á ira e á guerra (Mt. 5:21, 22). E explicoulles que tiñan que fomentar a paz e amar os seus inimigos (Mt. 5:9, 44).

Como podemos facer isto cada un de nós? É probable que non queiramos loitar nunha guerra, pero deberiamos preguntarnos: “Sinto que alguén da congregación é o meu inimigo?”. Nese caso, sigamos esforzándonos por eliminar calquera sentimento parecido que teñamos (Sant. 4:1, 11).

En vez de involucrarnos nas guerras das nacións, esforzámonos por promover a paz e o amor entre nós (Xn. 13:34, 35). Decidámonos a seguir sendo neutrais mentres esperamos a que chegue o día no que Xehová eliminará tódalas guerras para sempre (Sal. 46:10 [46:9, TNM]).

^ Ás veces, unha tribo de Israel loitaba contra outra, pero estas guerras internas non lle agradaban a Xehová (1 Re. 12:24). Nalgunha ocasión, aprobou estes conflitos porque algunha tribo se volvera infiel ou cometera algún outro pecado grave (Xuí. 20:3-35; 2 Cró. 13:3-18; 25:14-22; 28:1-8).